martes, 3 de noviembre de 2015

Coto Micolóxico do Forgoselo

Nos últimos tempos apareceu en Galicia unha nova figura, descoñecida e temida por moitos: o Coto Micolóxico. A creación dun coto micolóxico para o aproveitamento e conservación deste recurso é unha vella aspiración da Asociación de veciños do Forgoselo, co obxectivo de acadar unha xestión integral do monte Forgoselo, un espazo protexido no que se realiza un aproveitamento gandeiro, forestal, e agora tamén micolóxico.

A Asociación de veciños do Forgoselo, concederá permisos diarios para o aproveitamento micolóxico do monte. Dita autorización concédese para o día solicitado e coa limitación de 2 Kg, tal e como recolle o Decreto de Aproveitamentos. Para acceder ás autorizacións é preciso poñerse en contacto coa Asc. de Veciños do Monte Forgoselo, o telf. do presidente é o 616080628.


Ata o ano 2012 os cogumelos eran un ben accesorio do monte, dado que ninguén a cultivaba, e sempre que o monte non estivese pechado, calquera podía acceder ao monte e apañar cantos cogumelos quixera. Esto cambiou cando a Xunta de Galicia publicou a nova lei de montes, establecendo o marco de aplicación para o Decreto 50/2014.

Os cogumelos, un froito da natureza antano desprestixiado na nosa terra, convertíronse nos últimos tempos nun delicioso tesouro que cada ano conta con máis adeptos. O constante incremento do número de persoas que van ao monte para apañar cogumelos e as demandas dos propietarios dos montes de xestión privada, levaron á Xunta de Galicia a regular o aproveitamento micolóxico no Decreto 54/2014, do 10 de abril. no que establece un conxunto de medidas orientadas a garantir a conservación e renovación deste recurso natural e a establecer as normas de convivencia entre os recolectores e os propietarios dos montes.

Este Decreto, no artículo 44, establece dous tipos de aproveitamentos, un de consumo propio, para o consumo doméstico, que marca un límite de recollida de 2 kg por especie e día, e un segundo de aproveitamento comercial. En xeral, os aproveitamentos para consumo propio son de libre recollida, agás nos casos en que os titulares do monte regulen o coutamento do seu aproveitamento, como sucede no Forgoselo. No caso de existir un coutamento calquera que pretenda realizar ir ao monte a apañar uns cogumelos deberá contar cun permiso dos titulares do monte, tal e como establece o artigo 46 do Decreto. Neste mesmo artigo indícase que as persoas que dispoñan da citada autorización deberán levala consigo no momento de realizar o aproveitamento. Nesta autorización deberá constar, como mínimo, a súa vixencia, o nome do monte ou terreo forestal, os datos identificativos da persoa á que se lle concede o permiso e os datos identificativos e a sinatura da persoa que o otorga.


No artigo 47 do Decreto establécese a obriga, por parte da entidade xestora do monte, de coutar e sinalizar os montes e terreos que presenten prohibicións ou restricións con respecto aos aproveitamentos micolóxicos. Con esta finalidade, empregaranse sinais claros e facilmente visibles coa seguinte inscrición en letras maiúsculas «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora». Estes sinais deberán estar situados no recinto coutado e nos accesos principais ao monte.